Orange continuará a subvencionar móbiles para clientes novos e actuais

martes, 27 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Cando Movistar anunciou que ía deixar de subvencionar terminais móbiles para atraer clientes doutras compañías parecía claro que os seus competidores ían seguir o mesmo camiño, o que confirmouse no caso de Vodafone nos últimos días, pero agora Orange decidiu desmarcarse, asegurando que vai manter as subvencións tanto para clientes actuais coma novos, por considerar que a súa estratexia a este respecto é “axeitada e sustentable” e responde ás necesidades de parte dos seus clientes.
Curiosamente Orange opta por ofrecer o mesmo prezo de terminais a novos clientes e a clientes actuais a través do programa Renove Estilo, e para mellorar a súa relación co cliente decidiron lanzar un servizo que busca dar certas garantías ao usuario e que responde ao nome comercial de Tranquilidad, chegando en 2 modalidades: Tranquilidad Total (que en caso de roubo, rotura ou avaría subministra un móbil de reposto igual ao asegurado en menos de 48 horas, permite recuperar a liña ao momento mediante unha SIM de tranquilidade, mantén copias de seguridade dos nosos contactos e optimiza o servizo postventa) e Tranquilidad Orange (que achega un móbil de substitución durante as reparacións de terminais avariados, inclúe copias de seguridade dos contactos, a comentada SIM de tranquilidadee un servizo de atención ao cliente personalizado). Este último servizo custaría só 1 euro/mes, mentres que a súa modalidade Total custaría 4, 8 ou 12 euros/mes, dependendo da gama do terminal asegurado.