Orange estrea un router que combina ADSL e 4G

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Os autónomos e pequenos negocios que aínda non gocen de conexión de fibra de Orange poderán optar por 9,90 euros/mes a un interesante router híbrido que combina as redes de ADSL e 4G para asegurar sempre a mellor velocidade de conexión dispoñible, así como poder gozar de acceso á Internet dende o primeiro día (sen ter que agardar á instalación do ADSL).
Este novo router híbrido de Orange procura conectarse á Rede principalmente a través da conexión fixa, pero cando as esixencias de uso do cliente requiran dunha maior velocidade tirará proveito da conexión 4G, sen que o usuario teña que intervir.
Dende Orange non só destacan que este router podería superar as velocidades das conexións ADSL, senón que tamén salientan a vantaxe de que a conexión 4G poida actuar como respaldo, de xeito que ante problemas co servizo non se perdería a conexión, algo especialmente interesante para os profesionais, xa que reducirían o risco de quedar desconectados.

PUBLICIDADE