Orange mellora o seu 4G para conseguir velocidades de ata 336 Mbps

martes, 29 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que a tecnoloxía 4G aínda non chega a toda a poboación do territorio español, os operadores xa levan bastante tempo dando servizo nos principais núcleos de poboación, polo que, aparte de mellorar a cobertura, tamén están a esforzarse para dar un mellor servizo onde xa operan, e para continuar avanzando Orange anuncia a posta en marcha da tecnoloxía LTE Advanced en Madrid, tecnoloxía que en outubro chegará a Barcelona, e que sería a primeira rede aberta ao público que agregaría as tres portadoras 4G das distintas bandas de frecuencia o que permitiría aumentar a velocidade de navegación móbil máis aló do 4G+.
Deste xeito, os usuarios de Orange poderán sumar conexións nas bandas dos 800, 1.800 e 2.600 MHz para conseguir velocidades de descarga de ata 336 Mbps, ou sexa, que incluso chegaría a superar a velocidade das actuais conexións de fibra óptica, o que supón unha grande esperanza de cara ao futuro. De feito, o operador asegura que no futuro tamén permitirá a agregación das bandas empregadas para o 2G e o 3G, mellorando aínda máis a velocidade máxima posible.
Para poder gozar destas novas velocidades será preciso gozar de terminais de categoría 9 como o novo Samsung Galaxy Edge+, que vai recibir unha actualización nas vindeiras semanas para poder aproveitar o uso da tecnoloxía de agregación de bandas.
Dende Orange tamén dan conta de que a mellora da velocidade das súas conexións 4G non é a única mellora que está a experimentar a súa rede, senón que a incorporación da banda dos 800 MHz tamén está a supor unha importante mellora na propagación do sinal e na penetración nos edificios, o que suporá unha considerable mellora de cobertura 4G en espazos interiores.