Orange podería comezar a vender o iPhone en España

mércores, 27 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Esta tarde agárdase a presentación do tablet de Apple, o que podería vir acompañado con información sobre un novo iPhone e incluso co anuncio da perda da exclusividade de distribución do móbil da compañía de Cupertino nos EE.UU., o que tamén podería pasar en España, e así agora coméntase que durante o mes de marzo Orange podería comezar a comercializar o iPhone 3G no noso mercado.
O anuncio oficial deste lanzamento podería facerse nas vindeiras horas, e segundo parece, polo momento o iPhone 3GS continuaría a ser exclusivo de Movistar, aínda que na actualidade tamén é posible adquirilo a través da operadora galega R por parte dos clientes que teñan cando menos 6 meses de antigüidade.
Parece ser que a ampliación de operadoras na comercialización do iPhone está a funcionar realmente ben, e así España é un dos poucos países nos que unha operadora conserva a exclusividade do desexado móbil. De feito, nos últimos días soubemos que Vodafone, o cuarto operador en vender o iPhone no Reino Unido, logrou vender 100.000 terminais nunha semana, o que podería indicar que os usuarios europeos si están moi interesados en adquirir o iPhone, pero as operadoras que o comercializaron inicialmente non fixeron moi ben o seu traballo á hora de atraer a clientes doutras compañías.