Os Premios Talento 2025 recoñecen a aportación ao audiovisual dun par de figuras galegas

venres, 24 de outubro do 2025 Redacción

A Academia de Televisión e das Ciencias e as Artes do Audiovisual recoñeceu este ano a traxectoria de Ghaleb Jaber Ibrahim, fundador e presidente da produtora CTV, cun dos Premios Talento 2025. O galardón destaca «a excelencia dos profesionais que, detrás das cámaras, contribúen de forma decisiva ao valor do audiovisual español».
Jaber Ibrahim, que agradeceu o recoñecemento compartíndoo co sector audiovisual galego, lembrou que Galicia leva catro décadas exportando creatividade e talento dende a creación da Televisión de Galicia. «Os profesionais galegos, creativos e técnicos, traballaron incansablemente para levar a capacidade produtiva de Galicia ao resto do mundo, algo máis accesible grazas ás plataformas actuais», sinalou.
Nacido en Nablus (Palestina) en 1950, Ghaleb Jaber chegou a Galicia aos 17 anos e licenciouse en Santiago en 1976. Empresario polifacético, fundou o Grupo Araguaney e a produtora CTV en 1985, ambas firmas pioneiras no ámbito tecnolóxico e cultural. O hotel Araguaney foi o primeiro de España con antena parabólica e acolleu as emisións da primeira televisión local do país, Radio Televisión Compostela.
Dende CTV, Jaber liderou unha das etapas máis fértiles da produción audiovisual galega. A empresa, con sede en Teo e arredor dun cento de empregados, é responsable de algúns dos programas máis emblemáticos e duradeiros da TVG, como Luar, Pratos Combinados, Land Rober Tunai Show ou Libro de familia. Tamén impulsou a dobraxe ao galego de series míticas como Dallas ou A nanny.
Nos últimos anos, CTV apostou pola internacionalización con títulos como O sabor das margaridas (Netflix), Motel Valkirias (HBO Max) ou Dalia, a modista (TVG). A primeira converteuse nun fenómeno global, situándose no top 10 de Netflix en países de Europa e América.
Os recoñecementos acompañan unha traxectoria sólida: o Premio Iris polo Land Rober Tunai Show, varios Mestre Mateo e o Premio da Cultura Galega polo éxito de O sabor das margaridas.
Máis alá do audiovisual, Jaber tamén destaca polo seu labor cultural e filantrópico a través da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, que promove o diálogo entre o mundo árabe e o hispano e impulsa o Festival Internacional de Cine Euroárabe AMAL.
Aos seus 75 anos, o empresario e produtor continúa apostando pola innovación e a formación. «A miña maior afección é aprender, e a riqueza máxima está en compartir os coñecementos», conclúe quen fixo do seu percorrido vital un punto de encontro entre culturas e pantallas.

Gema R. Neira (Bambú Producciones)

Os Premios Talento 2025 tamén recoñecen á guionista e directora de desenvolvemento de Bambú Producciones, Gema R. Neira, «pola súa excelencia profesional que, detrás das cámaras, contribúe de forma decisiva ao valor do audiovisual español».
Esta profesional nada en Ferrol e formada na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, e comezou a traballar en Bambú Producciones en 2008, onde participou en traballos como Velvet, Fariña, Las chicas del cable ou El Caso Asunta, así como a máis recente Manual para señoritas, series que conseguiron grande éxito tanto na televisión tradicional como en plataformas de vídeo baixo demanda, servindo de mostra da proxección internacional que poden conseguir as producións españolas (que en varias ocasións contan con grande participación galega).