Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton para os meses de febreiro a xuño
luns, 15 de xaneiro do 2024
A
Aula Newton Galicia, situada no Parque Tecnolóxico de
Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), vén de abrir os
prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se
inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, prevista
para o período comprendido entre febreiro e xuño.
Dirixida
a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de
aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está
destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre
a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. A Aula
Newton Galicia, que vai pola súa terceira edición, está impulsada
conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo
de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Esta
proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que
buscan incentivar as vocacións científicas e o espírito
emprendedor entre as xeracións futuras. Os centros educativos
interesados en formar parte desta experiencia deberán inscribirse na
páxina web das Aulas Newton.
Agárdase
que nesta edición participen uns 2.160 rapaces e rapazas de toda a
comunidade.
Os
participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación
a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea.
Segundo informan fontes da Tecnópole, nestes intres a Aula Newton
Galicia dispón de catro simuladores de voo profesionais, que
permiten que os rapaces e rapazas se convertan en pilotos por un día.
A
rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate
localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de
Atención ás Emerxencias de Galicia, froito da colaboración de
Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do
112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as
diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de
voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo
de instrutores cualificados.
Materiais didácticos inclusivos
No compromiso de Tecnópole de “garantir unha educación inclusiva”, favorécese a participación na Aula Newton de persoas e colectivos que, a priori, teñen un difícil acceso ás actividades de divulgación. Nesta liña, estanse a empregar materiais didácticos específicos para persoas con algún tipo de necesidade especial.