Os comportamentos machistas perpetúanse intactos no eido dixital, segundo unha tese presentada na UVigo

luns, 11 de xaneiro do 2021 Redacción

A investigadora lusa Ana Isabel da Silva Castro Forte vén de presentar na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense unha tese de doutoramento que aborda a problemática da violencia nas relacións de parellas adolescentes achegando un punto de vista duplo que compara e analiza os modelos de comportamento offline e os modelos online. Segundo fai saber na súa investigación, a violencia exercida no eido dixital, coñecida como cyber teen dating violence, ten dinámicas semellantes ás xa estudadas na violencia das relacións de parellas adolescentes perpetrada cara a cara.
A tese, titulada Num encontro ás cegas com a violência? Contributos da psicologia feminista crítica para a compreensão da violência no namoro nas culturas juvenis, estivo dirixida polas profesoras Yolanda Rodríguez e María Lameiras. Nela, a investigadora lembra que está xa fóra de toda dúbida a máis que completa influencia que teñen nas nosas vidas os formatos e os contidos da era dixital, “e a sexualidade non é unha excepción”. Ana Isabel explica que “se por unha banda Internet e as tecnoloxías proporcionan oportunidades únicas relacionadas coas posibilidades de interacción social, de aumento da información e de coñecemento da diversidade sexual, por outra banda, constitúese un espazo de normalización da violencia e da obxectivización do corpo das mulleres”.
Na súa tese Ana Isabel da Silva empregou unha “metodoloxía multimétodo”, na que combinou a dimensión cuantitativa a través de cuestionarios e cualitativa a través de grupos de discusión. Na parte cuantitativa participaron 169 persoas (77 mulleres e 92 homes con idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos do norte de Portugal, 77 de Educación Secundaria e 91 de Formación Profesional) e na cualitativa 143 adolescentes do estudo cuantitativo, 62 rapazas e 81 rapaces. Os principais resultados desta investigación, explica a súa autora, “suxiren que a cyber teen dating violence presenta dinámicas similares ás xa estudadas na violencia das relacións de parellas adolescentes perpetrada cara a cara e que a violencia de xénero traspasa as actividades e interaccións establecidas a través dos dispositivos tecnolóxicos, revelándose a presenza de estereotipos de xénero, mitos de amor romántico e actitudes de tolerancia e lexitimación fronte a comportamentos abusivos que sustentan as desigualdades de xénero entre mozas e mozos”.
Segundo se recolle na tese de doutoramento, “a pesar que a maioría das e dos participantes expresa non ter experiencia de situacións de violencia nas súas relacións de parella, adoitan percibir numerosos comportamentos violentos nas súas relacións afectivas como algo normalizado e cotiá no seu día a día”.
A investigadora engade que “as condutas de control” non sempre se teñen identificado como “comportamentos abusivos”, sendo decote asociados con “preocupación, descoñecemento, ciumes e desconfianza”. Este patrón de comportamento é “moi semellante entre mozas e mozos e está en liña cos resultados que non amosan diferenzas de xénero en relación ao nivel de coñecementos sobre a violencia nas relacións de parellas adolescentes”.
Entre outros moitos focos de atención, o estudo de Ana Isabel da Silva Castro Forte analizou os comportamentos de sexting, de envío de mensaxes sexuais, por medio de teléfonos móbiles do colectivo adolescente participante. En relación a este fenómeno, a tese apunta como “comprobouse que varios e varias adolescentes descoñecían o termo, pero recoñecían que a práctica deste comportamento é frecuente nas relacións de adolescentes”.

PUBLICIDADE