Os consumidores galegos advirten dunha caída na calidade de produto das operadoras
mércores, 15 de decembro do 2010
En España a cuestión das telecomunicacións de
cara ao consumidor é coma unha ración dupla de malas novas. Por unha banda,
danse os prezos máis altos da Unión Europea, e pola outra que ninguén crea que
isto aseguraría un mellor e máis eficaz servizo. Todo o contrario. Así nolo recordan
as plataformas de consumidores de Andalucía e Galicia, que veñen de advertir dunha
importante caída na calidade dos paquetes e solucións que achegan as
operadoras. Dito doutra maneira: se a oferta que se pon ao noso alcance de
conexións ás redes fose un can, viría chega de pulgas. Os datos que se achegan
(aquí en pdf),
tirados das informacións que as compañías están obrigadas a subministrar ao
Goberno, amosan que Movistar segue en cabeza, percibíndose segundo o estudo
certa baixada de Vodafone e R no que a calidade dos seus fornecementos se
refire. O mesmo se pode dicir de Euskaltel, malia que dun xeito máis leve.
Segundo informa
Galicia Hoxe facéndose eco destas informacións, en prezos rexistran subas
de R (21%) e Telecable (4%), ascensos de prezos que en relación á situación
actual de crise non teñen moito sentido, sinalan os consumidores, e máis se temos
en conta que este proceso non trae parello unha mellora nos servizos. En termos
concretos, a Unión de Consumidores de
Galicia (UCGAL) sinala que “os mil
minutos (sen incluír no cómputo descontos e promocións) máis caros son os da
operadora galega R, que chegan aos 100 euros, o que representa un 21% en relación
a 2009”. Logo virían Orange con 80 euros e Euskaltel con 70.
A reacción da empresa con sede na Coruña con respecto a estes informes chegou decontado. “Dende R queremos sinalar que os datos que veñen reflectidos no estudo son incorrectos como se pode comprobar nos diferentes informes que publicou a propia Secretaría de Estado de Telecomunicacións durante o 2009", no que se refire á calidade. Asemade, a operadora galega confesa non comprender a que se refire a Unión de Consumidores cando sinala que os prezos máis básicos, os 1.000 minutos devanditos, sexan os máis caros. E explican: “Os nosos clientes teñen incorporados nos seus combos tódalas chamadas a fixos nacionais (limítase cada chamada a 120 minutos, pero pódese colgar e chamar cantas veces se queira) ademais de 300 minutos de chamadas a móbiles de R; é dicir, que os nosos clientes non teñen que pagar por chamar, agás que se trate de números de tarificación adicional, números internacionais ou outros móbiles, pero no estudo tampouco se especifica a onde son estas chamadas".
