Os contidos adultos nos móbiles xerarán case 15.000 millóns de dólares no vindeiro lustro

xoves, 30 de novembro do 2006 Raquel Noya

Os modelos de negocio de contidos para adultos, que xa tiveron éxito en importantes medios de distribución como na prensa escrita, o cinema, o DVD, a televisión ou a mesma Rede, son cada vez máis demandados polos usuarios de teléfonos móbiles. Segundo un estudio de Jupiter Research, os usuarios desta tecnoloxía están a reclamar unha presentación de material adulto diferente ó das canles tradicionais, converténdose nun novo mercado en potencia e destinado a novas audiencias, que move actualmente ó redor de 1.400 millóns de dólares e que se estima que supere os 3.000 millóns de dólares en 2011.
Europa está considerada o mercado máis lucrativo para este negocio, seguida da rexión Asia-Pacífico, polo que dos 14.500 millóns de dólares en beneficios que xerarán os contidos adultos para móbiles no vindeiro lustro, o 39% estarán destinados ó vello continente, e un 70% serán servizos baseados en vídeos.
A partir de xaneiro de 2007, a compañía británica Respond Mobile, especializada en contidos para adultos, lanzará o servizo paneuropeo Rythm TV, un programa que adapta as canles de lecer para adultos ós hábitos de consumo dos usuarios de telefonía móbil. Polo de agora, en España só está dispoñible unha produción de Playboy TV, na que unha sensual modelo guía ós consumidores polos segredos da boa vida.

PUBLICIDADE