Os españois empregan os SMS para felicitar aos amigos e poñer excusas

mércores, 3 de setembro do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo levado a cabo polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (COIT), o 70 por cento dos españois empregan o teléfono móbil para cuestións persoais e maioritariamente fano na rúa. Os datos extraídos tamén reflicten que cada vez se escriben menos mensaxes curtas de texto vía móbil (os típicos SMS), que quedan en exclusividade para os usuarios máis novos. Nembargantes, esta é a opción preferida dos españois á hora de felicitar aos amigos e expresar os seus sentimentos (quen non ten recibido unha media de 20 mensaxes iguais felicitándonos polo Nadal e facendo referencia á borracheira ou ó sobrepeso de Santa Claus?), e tamén para poñer excusas. Outro dos datos que se desprende do devandito estudo é que no noso país non teñen éxito as descargas de politóns nin de xogos que anuncian na televisión máis sí se usa de xeito cotiá en lugares onde debe estar apagado, como nos cines, no teatro, nos avións ou nos hospitais. Segundo vén de informar o COIT, este estudo ten como obxectivo observar a situación actual do uso das telecomunicacións en España e, en concreto, sobre o emprego da telefonía móbil fronte á fixa por parte dos cidadáns. Para iso foron enquisadas unhas 700 persoas, que deron a súa opinión sobre as novas aplicacións, o gasto medio mensual, o propio terminal, a frecuencia de uso e cómo empregan a telefonía fixa na súa vida cotiá. Deste xeito, o principal dato que se desprende deste informe é que o emprego do teléfono móbil segue a incrementarse entre os cidadáns de tódalas idades máis aínda non se prevé a desaparición do fixo, que mantén o seu servizo pola conexión a Internet e polo baixo coste das chamadas entre teléfonos fixos.