Os ingresos de Fortnite poderían ter caído un 48% en xaneiro

luns, 25 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Dende SuperData advirten de que no mes de xaneiro os ingresos de Fortnite experimentaron unha caída mensual do 48%, ou sexa, que tras un mes de decembro rexistrando o seu máximo en ingresos, o grande éxito de Epic Games está a padecer un importante freo que iría na liña da recesión xeral do sector (este xaneiro rexistrou unha caída interanual de ingresos nos xogos en dixital dun 6%), pero o tamaño acadado por Fortnite fai que a presumible costa de xaneiro sexa moito máis pronunciada.
Estes datos serán moi preocupantes para Epic, xa que en febreiro chegou Apex Legends¸ un serio competidor de Fortnite que, pese a non contar con versión para móbiles, está a captar moita atención do público, de xeito que poderiamos estar a vivir o comezo da fin do fenómeno de Fortnite, para converterse nun xogo masivo en liña máis e non nese xigante que conmocionou ao sector de videoxogos e provocou que varias franquías consolidadas non conseguisen o éxito de anos anteriores durante a campaña de Nadal.
O feito de que en abril vaian comezar as fases clasificatorias para o mundial de Fortnite podería axudar a contrarrestar a caída que está a experimentar o xogo de Epic Games, pero toca esperar para ver canto tempo pode manterse un título nunha posición tan dominante.

PUBLICIDADE