Os mandos de Nintendo Switch poden empregarse en PC

luns, 6 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O pasado venres chegou ás tendas a agardada consola Nintendo Switch, máquina que pode funcionar tanto a xeito de consola de sobremesa consola portátil, que algúns definen como unha versión personalizada por Nintendo da tableta nVIDIA SHIELD, o que parece ser bastante atinado se atendemos ás descubertas da fin de semana como o feito de que os mandos da consola poden funcionar noutros equipos a través de Bluetooth.
Inicialmente descubriuse que cada mando Joy-Con pode conectarse co PC como un mando independente, funcionalidade que tamén compartirían os equipos de Apple, e incluso sería posible conectalos a algúns dispositivos baseados en Android, o que é unha nova bastante boa, xa que facilita dar aos mandos maior utilidade da prevista inicialmente.
Dende Windows é posible empregar a aplicación JoyToKey para poder mapear os botóns de cada Joy-Con para poder empregalos como un control mediante rato ou teclado, aínda que no futuro é posible que xurdan aplicacións que faciliten o uso destes mandos empregando as súas funcionalidades adicionais (o que pode resultar moi práctico en certos emuladores).
Tamén o mando Pro de Nintendo Switch pode conectarse por Bluetooth a un PC, o que posiblemente resulte máis satisfactorio para moitos xogadores que gozarán deste mando opcional en máis dun equipo, facilitando a súa amortización.

Vídeo no que amosan o funcionamento do mando Pro de Nintendo Switch nun ordenador persoal