Os nosos seareiros do mar e das tecnoloxías open source xuntan forzas en HackSB

xoves, 25 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

O evento presentouse oficialmente esta semana en Vigo

Esta fin de semana temos en Vigo unha cita de primeira liña coa programación aberta e o traballo colaborativo. Todo relacionado co mar, a navegación e a pesca sustentábel, rendíbel e eficiente. Trátase do Hackaton Sanjurjo Badía (HackSB), que se vai desenvolver os días 27 e 28 e que contará, entre outros coa presenza de David Regades, concelleiro de Fomento de Vigo, Borja Cardama, xefe de I+D de Estaleiros Cardama, Nicolás Troncoso, xefe de I+D de Kaleido Logistics, Xoán Martínez Reboredo, de Estaleiros Freire, Miguel Gil, investigador de Arquitectura do CSIC, Bruno Lema, xefe de Hardware de Marine Instruments, Michelangelo Guarise, enxeñeiro electrónico de Udoo, Alex Cabo, presidente de AJE Vigo, Isaac Ballesteros, CTO en CentumRT, Eduardo Díaz, director executivo de Ultreia e Ignacio González, investigador de CETMAR.
A previsión dos organizadores do evento é impulsar a creación dunha manchea de grupos e ideas para proxectos tecnolóxicos, sendo a idea alentar que se executen máis de 30 propostas diferentes relacionadas co mar.
O evento contará cunha longa listaxe de asistentes: estímase que preto dun cento de investigadores e seareiros dos ámbitos das novas tecnoloxías abertas e do ámbito marítimo. Segundo nos contan os organizadores, acudirán ao hackatón enxeñeiros con amplo coñecemento das tecnoloxías empregadas en navegación, como por exemplo integrantes e impulsores de Marine Instruments, en palabras da organización “unha iniciativa local de éxito que foi quen de unir catro carreiras universitarias nunha única empresa: Ciencias do Mar, Industriais, Telecomunicacións e Informática)”. O equipo responsábel de HackSB tamén salienta a participación da firma Centum-RT, que achegará o seu coñecemento avanzado sobre drons (UAV).
O evento tamén acubillará demostracións de impresoras 3D a gran escala, como as impresoras de máis dun metro de lonxitude creadas pola firma coruñesa IPGlobal (que son as máis grandes de España “e atópanse entre as máis importantes de Europa”, lembran dende HackSB).
A organización destaca tamén o papel despregado polo Concello de Vigo, “en especial por parte de David Regades e Cayetano Rodríguez”, que fixeron unha “aposta para que a cidade sexa líder en aplicacións marítimas nun curto-medio prazo, achegando todo o preciso para que os enxeñeiros locais poidan centrarse cada día máis no sector do mar e que Vigo sexa unha gran HUB de tecnoloxía mundial”.
O evento desenvolverase no Palacio de Congresos Mar de Vigo da man dos desenvolvedores Jesús Sayar e Eloy Coto. Segundo nos contaron Jesús e Eloy os días pasados, anunciando as liñas mestras de HackSB, o espírito do evento é aberto e afín á diversidade. De feito, trátase dunha “competición onde persoas de moi diferentes perfís, profesionais e estudantes, reuniranse en equipos para crear proxectos de Internet das Cousas, IoT, ligados ao ámbito marítimo”. Ou sexa, que o reto será dar forma de maneira conxunta a prototipos innovadores que favorezan cousas como a pesca, a navegación ou a investigación. Os gañadores recibirán “fantásticos premios”.
A maiores do certame-reto propiamente dito, durante a competición celebráranse de forma paralela varios workshops que empezarán “dende un nivel básico e irán aumentando de nivel a medida que avance a fin de semana”, o cal supón, nas súas palabras, “unha estupenda oportunidade” para aqueles que estean interesados en ampliar os seus coñecementos sobre tecnoloxías abertas, hardware e software, e as súas aplicacións no noso litoral. Por certo que o evento é completamente gratuíto e inclúe almorzo, comidas e ceas.
As columnas vertebrais das xornadas son a Internet das Cousas (polas súas siglas en inglés IoT, un ámbito de experimentación cun “enorme potencial” para facer innovación relacionada co mar) o espírito de aprendizaxe e competición en comunidade (HackSB concíbese como unha competición para construír os “máis excitantes proxectos tecnolóxicos”, onde poderemos aprender asistindo aos workshops do programa ou amosar as nosas habilidades concorrendo co resto dos participantes”).
“Este hackathon”, explicaron Sayar e Coto, “nace como un intento de revolucionar aos desenvolvedores e movelos a facer instrumentos para os barcos construídos en Galicia, para innovar nas metodoloxías de pesca ou para contribuír á sustentabilidade dos nosos bancos de peixes”. De feito, din, son moitas as innovacións que leva un barco, e “son moitas as oportunidades de que Galicia volva ser un referente neste ámbito”.

PUBLICIDADE