Os subscritores de Stadia Pro recibirán un par de xogos adicionais en decembro

mércores, 27 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A estrea da plataforma de xogo na nube de Google non está a ir tan ben como se esperaba, con moitas críticas sobre o funcionamento de Stadia, que en moitas ocasións ten problemas de retardo, aínda que o máis evidente é que a excelencia gráfica prometida está moi lonxe de conseguirse, presentando gráficos moi superiores unha consola Xbox One X, pese a que a súa potencia gráfica teórica é de preto da metade. Por iso non sorprende que estean a procurar compensar aos subscritores de Stadia Pro, que fixeron un investimento de 129 euros para poder gozar dos 3 primeiros meses do servizo, con xogos accesibles sen pagamento adicional.
Inicialmente Stadia Pro só ía incluír de saída o xogo Destiny 2, pero a última hora engadiuse o xogo de loita Samurai Shodown; e agora, para que os subscritores non se sintan decepcionados, anúnciase que en decembro poderán incorporar ás súas coleccións de xogos o simulador agrario Farming Simulator 19 (valorado en 29,99 euros) e a aventura de acción Tomb Raider (valorado en 19,99 euros, aínda que actualmente de oferta a 10 euros).
Dado que boa parte do catálogo de Stadia corresponde a xogos de certa antigüidade é difícil que sexan atractivos para o público (que de estar interesado tería adquirido os xogos nalgunha das súas versións de saída ou nas moitas rebaixas que experimentaron), polo que estas medidas de Google enriquecendo o número de xogos dispoñibles sen cargo adicional de Stadia Pro parecen destinados a animar aos usuarios a probar distintos xogos para axudar a pór a punto a plataforma durante estes meses que poderiamos considerar de proba antes de que vexa a luz Stadia Base, a modalidade do servizo que non precisará de pagamentos mensuais, e que previsiblemente terá unha elevada demanda nos seus primeiros meses por mor da curiosidade que provoca o xogo na nube.

PUBLICIDADE