Os viaxeiros-escritores galegos documentan o mundo no blog colectivo Equipaxe de Man

xoves, 23 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O eido informativo na nosa lingua, ligado á Rede, segue a reforzarse este ano con novas temáticas e obxectivos. Entre os responsábeis disto atopamos a xente como os responsábeis da posta en marcha da canle Equipaxe de Man, medio na nosa lingua especializado en viaxes por todo o mundo, cunha óptica do máis interesante (non deixando nada por descubrir, non desprezando países nin lugares fóra das rutas convencionais que impoñen as axencias de viaxes, reivindicando tamén o noso, achegando alternativas ao turismo cego e disfuncional de resorts e complexos de luxo). A canle, por certo, é unha das finalistas (categoría Blog Turístico) da segunda edición dos premios MexilOnseTuits, que se entregan o vindeiro 2 de xuño en Bueu.
A páxina, un blog colectivo onde se dá acubillo a diferentes camiñantes da nosa terra que contan aquí as súas andainas polo mundo adiante, é moito máis “que unha maleta con roupa para dous días, un neceser e unha cámara de fotos”. Ou sexa, que o nome de Equipaxe de man é un xeito de convidarnos a ver o inmaterial que está detrás das cousas. Por exemplo: relatos de viaxes, experiencias, suxestións, plans de futuro, compromiso coa terra (e coa Terra), texto, imaxes, vídeos, etc. As normas desta nova canle colectiva (na que xa podemos ver as achegas de xente como Javimos, Adriana, Ana, David, Keruac, Lorena, Mar, Tania, Tugui, Ubi ou Vicky) son algo así como unhas antinormas: que cada quen escriba o que lle pete e, sobre todo, dende o máis guste de facelo.

PUBLICIDADE