PUBG aterra en Stadia

mércores, 29 de abril do 2020 Marcus Fernández

Dende primeiros de mes podemos probar Stadia Pro de balde durante 2 meses, atopando un catálogo de xogos incluídos na subscrición de proba bastante decepcionante, xa que basicamente o único grande título é Destiny 2 (que pode xogarse de balde en ordenadores e consolas), pero o último Stadia Connect axuda a ter certa esperanza en Stadia, xa que anúncianse novos xogos que chegarán á plataforma de xogo na nube de Google, entre os que destaca PlayerUnknown’s Battlegrounds (PUBG), que hoxe mesmo chega á tenda de Stadia de balde para usuarios Pro, onde inclúe o xogo básico xunto cos complementos Survivor Pass: Cold Front e o conxunto Stadia Premiere.
A chegada de PUBG a Stadia pode ser un interesante xeito de pór a proba esta plataforma, xa que numerosos xogadores deste título poderán comprobar en primeira persoa se a experiencia do mesmo na nube é digna e conta con posibilidades que paguen a pena.
Outros xogos que tamén se estrean en Stadia son Octopath Traveler, MotoGP 20, Monopoly e Get Packed, destacando o feito de que o Monopoly ofértase a un prezo de 10 euros para usuarios Pro, o que pode resultar moi interesante para certos xogadores que queiran recuperar o clásico xogo de mesa neste tempo de confinamento (aínda que cómpre advertir que o seu equivalente para PlayStation 4 está actualmente de oferta a un prezo de 7,99 euros).
Pero o realmente foi importante deste novo Stadia Connect foi o anuncio de que Electronic Arts pasa a apoiar esta plataforma, de xeito que está a preparar xogos como Madden NFL, FIFA e Star Wars Jedi: Fallen Order para a nube de Google, o que supón un grande salto no catálogo de xogos de Stadia, e que podería animar a moitos usuarios a dar o salto a este xeito de xogar, xa que poderían gozar dalgúns dos imprescindibles do ano sen ter que facerse cunha consola de videoxogos nin ter que renovar o ordenador persoal para gozar de grandes gráficos.
Tamén anunciaron que no verán estará dispoñible para Stadia (incluído na subscrición Pro) o sistema de creación colaborativa de xogos Crayta, baseada no Unreal Editor 4, e que permitirá crear títulos multixogador. Sobre os xogos incluídos en Stadia Pro, detallan que este mes Thumper abandonará o programa, deixando lugar para Zombie Army 4: Dead War, SteamWorld Heist e The Turing Test.

O último Stadia Connect

PUBLICIDADE