Paramount presenta unha oferta hostil por Warner Bros. Discovery

martes, 9 de decembro do 2025 Redacción

Paramount, recentemente reestruturada como Skydance Corporation, abriu unha ofensiva pública para facerse con Warner Bros. Discovery (WBD) mediante unha oferta en efectivo de 30 dólares por acción, presentada directamente aos seus accionistas tras considerar que o consello de WBD non avaliou de maneira adecuada unha proposta que cualifica de claramente superior. A documentación remitida pola compañía recolle un amplo argumentario financeiro, regulatorio e estratéxico que busca deslexitimar o acordo previo anunciado entre WBD e Netflix para unha fusión parcial centrada nos negocios de streaming e estudios cinematográficos.
Segundo Paramount, a súa proposta ofrece máis valor, máis liquidez e unha vía de aprobación regulatoria máis áxil ca a de Netflix. O prezo de 30 dólares por acción —aplicado á totalidade de WBD, incluída a división Global Networks— representa un incremento de 6,75 dólares respecto da oferta de Netflix e supón arredor de dezaoito mil millóns de dólares adicionais en efectivo para os accionistas de WBD. Ademais, Paramount subliña que a alternativa de Netflix combina unha parte en metálico con outra en accións suxeitas a oscilacións, así como títulos dun negocio separado (Global Networks) cun valor futuro incerto e afectado por un elevado nivel de endebedamento.
A compañía liderada por David Ellison insiste en que a súa proposta non só é máis valiosa, senón tamén máis robusta en termos de financiamento. Detalla que conta con capital totalmente comprometido polo Ellison Family Trust (respaldado por máis de douscentos cincuenta mil millóns de dólares en accións de Oracle) e por RedBird Capital, ademais dun préstamo ponte de cincuenta e catro mil millóns de dólares comprometido por Bank of America, Citi e Apollo . O obxectivo é adquirir o 100 % das accións de WBD e integrar todos os seus activos, sen deixar fóra negocios considerados estratéxicos.
Paramount argumenta que a vía regulatoria sería máis sinxela no seu caso, posto que a operación xeraría un competidor de escala fronte a Netflix, Amazon e Disney, mentres que a proposta de Netflix ampliaría a súa xa predominante posición no mercado global de streaming, con riscos evidentes de concentración. A compañía recolle na súa presentación unha serie de advertencias procedentes de senadores estadounidenses, sindicatos do sector audiovisual e analistas financeiros, que anticipan un escrutinio antimonopolio moi severo sobre Netflix e mesmo a posibilidade de bloqueo da operación .
No ámbito estratéxico, Paramount defende que a integración das dúas compañías crearía un estudio de Hollywood de escala global con potencial para reforzar a produción cinematográfica e televisiva, incrementar a oferta teatral con máis de trinta estreas ao ano e impulsar unha plataforma directa ao consumidor máis competitiva grazas á combinación de Paramount+ e HBO Max. Tamén destaca o valor dun catálogo con marcas de referencia, a capacidade de desenvolver franquías de forma cruzada entre cine, televisión e videoxogos, e un catálogo de dereitos deportivos que abranguería desde a NFL ata a Champions League .
A oferta está aberta ata o 8 de xaneiro de 2026, salvo ampliación, e inclúe o compromiso de Paramount de iniciar de inmediato todos os procedementos regulatorios necesarios. A empresa tamén anima os accionistas de WBD a avaliar criticamente as decisións do seu consello, formulando preguntas directas sobre a valoración real de Global Networks, o rigor do proceso de venda e a viabilidade de que Netflix supere o exame das autoridades de competencia nun prazo razoable .
Dende Warner Bros. Discovery responderon instando aos seus accionistas a darlles un prazo de 10 días hábiles para analizar a nova proposta da Paramount e, mentres tanto, manteñen o seu apoio ao acordo pechado con Netflix, polo que habería que agardar ao 19 de decembro para saber como evolucionará esta partida de xadrez entre xigantes da creación de contido.
En paralelo, o co-director xeral de Netflix, Ted Sarandos, declarou que esperaban que Paramount fixese unha oferta de adquisición hostil por Warner Bros. Discovery, e confían en que o acordo ao que chegaron se manteña. Tamén insiste en que non realizan a compra da Warner Bros. Discovery para destruír o seu valor, polo que os estudios cinematográficos da Warner manterían a súa actividade e seguirían a estrear de xeito tradicional as súas producións, así como tamén continuarían producir contidos para outras plataformas, pois non tería sentido facer o contrario a medio prazo.

Táboa que recolle o argumentario de Paramount

A experta en novos modelos de distribución audiovisual, Elena Neira, explicou detalladamente cal é a proposta de adquisición de Warner Bros. Discovery por parte de Netflix, e a estratexia de integración baseada nun modelo de tres fases é moito máis produtivo e positivo tanto para a industria como para os consumidores do que dende Paramount insinúan (de xeito interesado).

Infografía a través da que Elena Neira amosa a proposta de Netflix