Pedralonga Estudios recibe unha axuda de 4,87 millóns do IGAPE para a súa implantación na Cidade das TIC

venres, 7 de xuño do 2024 S. P.

Vista aérea da antiga Fábrica de Armas da Coruña, actual Cidade das TIC

O proxecto Centro de Produción Audiovisual Avanzada: Pedralonga Estudios, impulsado polo Clúster Audiovisual Galego, e xestionado pola sociedade que leva o seu mesmo nome, vén de recibir unha axuda de 4,87 millóns de euros a través do Programa Centros de Fabricación Avanzada do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), para a súa implantación na Cidade das TIC da Coruña.
En palabras do clúster, o proxecto supón un revulsivo para a actividade da agrupación empresarial, que nos últimos anos está a desenvolver un intenso labor na estruturación de proxectos colaborativos como liña estratéxica e que contribúe á competitividade do sector audiovisual galego.
Os 4,87 millóns de euros recibidos por Pedralonga Estudios, S.L. destinaranse á construción do CPAA: Pedralonga Estudios na Cidade das TIC. A asignación da Xunta, que cubre o 80% do investimento (de 6,11 millóns de euros), encádrase nunha liña de subvencións para centros de fabricación avanzada, que ten por obxecto impulsar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido.
O CPAA: Pedralonga Estudios ocupará uns 5.500 metros cadrados en conxunto, nos que serán construídos dous escenarios de rodaxe, de 2.500 e 2.000 metros cadrados, dos cales non existe ningún das mesmas características operando en España. Tamén contará con outras instalacións complementarias como oficinas, vestiarios, camerinos, salas e almacéns por espazo doutros 1.500 metros cadrados adicionais anexos aos estudios.
O clúster engade que a infraestrutura Pedralonga Estudios supón “unha vantaxe competitiva para o sector audiovisual da nosa comunidade facilitando o seu posicionamento internacional no mercado de atracción de rodaxes; ademais o seu emprazamento na Cidade das TIC reforzará o ecosistema TIC cunha infraestrutura de vangarda”.
Da materialización do proxecto encargarase a sociedade Pedralonga Estudios, S.L. conformada polas empresas Portocabo, TEX45 Producións, Vaca Films, Voz Audiovisual, Congo Producciones, Zenit Televisión, Producciones Audiovisuales Sete Media, Undodez, Avendaño Estudio e Centro de Estudios Marcote, e polo propio Clúster Audiovisual Galego, o que garante o carácter sectorial desta iniciativa. Tamén participará na xestión das instalacións a Universidade da Coruña.
O CPAA: Pedralonga Estudios completarase cun Plan de Dinamización do ecosistema audiovisual TIC que incluirá un Plan de Formación a desenvolver no centro de produción audiovisual avanzada.

PUBLICIDADE