Pepephone suspenderá o servizo de MMS en outubro

luns, 23 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A pasada fin de semana os clientes de Pepephone recibiron unha notificación dando conta do «fin de servizo MMS» na que a compañía informaba de que o vindeiro 1 de outubro darían de baixa o servizo de mensaxes multimedia, ou sexa, que as liñas móbiles de Pepephone non poderán enviar mensaxes MMS, aínda que confían en que iso non supoña ningún problema para os usuarios, xa que na práctica o servizo carecía de uso dende a emerxencia de aplicacións de mensaxería instantánea como WhatsApp, Messenger...
As mensaxes multimedia (MMS) con Pepephone teñen un prezo de entre 0,50 e 1,20 euros, mentres que as mensaxes de WhatsApp son case de balde ao depender da conexión de datos á Rede (que por Wi-Fi non suporía custo algún), de aí que é de esperar que ninguén bote en falta o servizo de MMS, que Pepephone elimina principalmente para simplificar as súas tarifas e para non ter que manter unha infraestrutura sen uso.
Tras este anuncio de Pepephone non sería sorprendente que moitos outros operadores de telecomunicacións españois se animasen a seguir os seus pasos.

PUBLICIDADE