Pese á carencia de estándares, os banners comezan a imporse como formato publicitario nos móbiles

mércores, 18 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Expertos publicistas estiman que en 4 ou 5 anos o uso do banner como elemento publicitario nos móbiles podería acadar a mesma taxa de penetración que ten actualmente na Internet, en vista da forza que está a tomar cada día. Así, o profesor Ralf Schenberg (do Instituto de Marketing Móbil de Münster) asegura que “cando os presupostos publicitarios se axusten ó consumo real de medios que realizan os usuarios, se instaurará a publicidade móbil”.
Estas novas tendencias poderían nacer das posibilidades crecentes do uso da conexión de banda larga á Rede a través do móbil, así como das prestacións cada vez máis avanzadas dos móbiles (que permiten a navegación en páxinas tanto WAP coma web). De feito, estímase que as tres cuartas partes dos usuarios de móbil en EE.UU. e Europa occidental poden acceder á Internet dende os seus móbiles, aínda que só unha terceira parte utiliza tal conexión.
Sobra dicir que a publicidade no móbil é moi interesante para os anunciantes, que acadan moita atención do usuario e incluso permiten unha resposta espontánea sen ter que cambiar de medio, tendo boa aceptación tanto os banners coma os micrositios web, aínda que o principal atranco que existe na actualidade son os prezos que as operadoras de telecomunicacións cobran polas comunicacións de datos móbiles (o que está a cambiar afortunadamente).
O sector publicitario tamén se atopa cun problema ó afrontar a publicidade no móbil, pois non existen estándares aceptados globalmente (como pasa coa web), pero que mediante fórmulas como a descarga de contidos de balde ou a oferta de consumos gratuítos a cambio de ver a publicidade se poden superar os atrancos actuais, así como o rexeitamento da publicidade natural nos consumidores, polo que os anuncios no móbil teñen así moito máis valor para o sector.
Podemos ver un gráfico animado a xeito de exemplo do funcionamento dun banner que á súa vez dirixe a un microsite: