PlayStation Plus recibirá grandes xogos en marzo

mércores, 26 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Os xogos mensuais que o 4 de marzo chegarán a PlayStation Plus serán unha grata sorpresa para moitos. Encabeza os xogos do mes Dragon Age: The Veilguard, título de rol para PlayStation 5, no que hai que adoptar o papel de Rook, un novo heroe que ten que xuntar a un grupo de heroes, chamado a Garda do Veo, para protexer o continente Thedas da ameaza dun par de deuses ancestrais corruptos.
Máis positivo e alegre e o xogo para PlayStation 4 que chega en marzo a PlayStation Plus, Sonic Colours: Ultimate. Trátase dunha actualización do Sonic Colours que en 2010 saíu para Wii e Nintendo DS, e que en 2021 se adaptou a PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC actualizando os seus efectos visuais e incorporando novas características.
Para os nostálxicos, o xogo máis importante do mes será Teenage Mutant Ninja Turtles: The Cowabunga Collection para PS4 e PS5, que realmente é unha compilación de 13 clásicos das Tartarugas Mutantes lanzados por Konami, e que van dende os dous primeiros xogos para máquinas recreativas até os videoxogos que saíron para Game Boy a primeiros dos anos 90.