Project xCloud chegará en probas a semana que vén

mércores, 29 de abril do 2020 Marcus Fernández

Hai tres semanas Microsoft abriu o rexistro para usuarios españois da versión preliminar de Project xCloud, e finalmente dan conta do calendario do espallamento europeo desta tecnoloxía de xogo na nube que permitirá gozar de xogos propios de consola en dispositivos con Android. Esta semana inician o reparto de invitacións para participar nesta fase de probas en Alemaña, Francia e Países Baixos, e xa a semana que vén poderemos ver como acontece o mesmo en España, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Italia, Noruega e Suecia.
Esta versión preliminar farase con certa prudencia, pois dende Microsoft queren ser responsables co consumo de largo de banda en Europa, dado o impacto que está a ter o confinamento por mor do COVID-19 as redes de telecomunicacións, polo que inicialmente convidarán a participar a un número moi reducido de usuarios e irán incrementando o número de xeito progresivo para evitar saturacións nas redes.
Lembran que para poder participar é preciso ter unha conta de Microsoft e un gamertag de Xbox, un teléfono ou tableta con Android 6.0 ou superior (e Bluetooth 4.0), un mando sen fíos Bluetooth, e acceso á Rede a través de Wi-Fi (recomendable que sexa na banda dos 5 GHz) ou unha conexión de datos móbiles cunha velocidade de descarga mínima de 10 Mbps.

PUBLICIDADE