Prosegue o ciclo sobre as vantaxes das tecnoloxías miúdas da RAGC e a Deputación da Coruña

martes, 2 de xuño do 2026 S. P.

Onte, luns 1 de xuño, daba comezo o ciclo Nanotecnoloxía ao servizo da sociedade: retos e solucións do presente ao futuro, un encontro organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña que se estenderá ata o xoves, 4 de xuño, das 17 ás 20:30 horas; evento que tamén pode seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.
Indo á xornada de mañá mércores, sinalar que terá lugar no Kiosko Alfonso da Coruña. Presentarana o presidente da Academia, Juan Lema e os coordinadores do ciclo: José Rivas, académico da RAGC e investigador do Instituto de Materiais da Universidade de Santiago (iMATUS) e Rosa Menéndez, investigadora do CSIC.

Rosario Moratalla

Nesta xornada tratarase como a nanotecnoloxía se converteu nunha ferramenta clave nas ciencias da vida. A conferencia comezará coa intervención de Rosario Moratalla, investigadora do Centro de Neurociencias Cajal de Madrid, pertencente ao CSIC, quen abordará a repercusión da nanotecnoloxía no estudo do párkinson.
Neste contexto, o traballo do seu grupo de investigación propón un cambio de paradigma na comprensión dos mecanismos que vinculan a neurodexeneración coa sintomatoloxía afectiva no párkinson. Para iso combinaron modelos animais con tecnoloxías de última xeración, incluíndo sensores xenéticos capaces de monitorizar, nos circuítos neuronais responsables das emocións, a liberación de neurotransmisores en tempo real en animais para determinar o estado emocional.
O equipo identificou así as poboacións neuronais específicas que subxacen aos síntomas de ansiedade e depresión no párkinson, así como os mecanismos patolóxicos responsables do declive funcional que os sustentan.

Carmen Álvarez

Engadir que no encontro participará tamén a académica da RAGC Carmen Álvarez Lorenzo, directora do Instituto de Materiais da USC. Centrarase en como a investigación interdisciplinar en farmacia, medicina, bioloxía, enxeñaría e nanotecnoloxía está a dar lugar a unha nova xeración de tratamentos máis intelixentes, personalizados e eficaces.
A investigadora salienta que a nanotecnoloxía está a transformar a terapéutica e abrindo novas posibilidades para diagnosticar e tratar doenzas dun xeito máis preciso. Nesta liña, os nomedicamentos representan un dos avances máis prometedores da farmacoterapia actual. “Fronte aos tratamentos convencionais, nos que só unha pequena parte do fármaco chega realmente ao lugar onde debe actuar, os nanomedicamentos empregan estruturas diminutas, capaces de transportar, protexer e liberar os principios activos en órganos, tecidos ou mesmo células concretas. Este proceso permite aumentar a eficacia do tratamento e reducir os seus efectos adversos, algo especialmente importante en eidos como o cancro, as infeccións ou a terapia xénica” -explica-.
A experta referirase tamén á teranose, unha estratexia innovadora que combina nunha mesma plataforma o diagnóstico, a terapia e a monitorización da resposta ao tratamento.
“Grazas a ela, non só é posible tratar unha enfermidade, senón tamén visualizar en tempo real onde se acumula o medicamento, cando cómpre activalo e se está a funcionar” -sinala-.
Álvarez abordará ademais un dos campos máis fascinantes da investigación actual: os nanorobots. “Estes diminutos sistemas móbiles están a ser deseñados para desprazarse a través de medios biolóxicos complexos, atravesar barreiras, penetrar en tecidos densos e levar fármacos de maneira activa ata zonas de difícil acceso. Se ben aínda se atopan en desenvolvemento, representan un salto conceptual enorme na medicina do futuro” -asegura-.

Javier de Felipe

Pola súa banda, Javier de Felipe, investigador do Centro de Tecnología Biomédica do CSIC, abordará un dos grandes retos da neurociencia: descifrar a conectividade do cerebro e a súa relación cos procesos cognitivos. Para avanzar neste obxectivo, sinala que resulta esencial obter mapas precisos das conexións neuronais, tanto a escala global como a escala sináptica. Neste contexto, pon de relevo que a microscopía electrónica, potenciada pola nanotecnoloxía, supón un avance extraordinario, xa que permite analizar volumes de tecido cunha precisión antes inalcanzable.
Por último, sinalar que para para participar de balde neste ciclo (de xeito presencial ou en liña) cómpre inscribirse a través da Rede.
O ciclo pode seguirse en directo a través de YouTube: