Prosegue o proceso para a consecución dun dominio para a lingua e a cultura galegas
martes, 18 de decembro do 2012
A finais do pasado maio deuse conta de que a
Asociación PuntoGal presentara con éxito a candidatura para conseguir un
dominio para a lingua e cultura galegas ante ICANN, de xeito que espérase
que para o ano que vén o dominio .gal poida converterse nunha realidade, pero o
proceso non está libre de atrancos, que nun principio parece que só afectarían
aos prazos do proceso, pois en xuño confirmouse que o número de dominios de
primeiro nivel que van someterse a avaliación por parte de ICANN ascende a
1.930, dos que algúns son especialmente polémicos por chegar a contar con
ata 13 aspirantes para a súa administración (por sorte, a iniciativa galega é a
única que aspira ao .gal).
Para elixir a posición que cada un dos nomes de dominio pasarán a ser avaliados
dende ICANN non atoparon unha solución mellor que celebrar onte
unha especie de lotería en Los Ángeles na que asignaron aleatoriamente
números para determinar a orde de avaliación, conseguindo a iniciativa galega o
posto 742 de 1.917, o que semella un lugar bastante bo, especialmente se temos
en conta que os 107 primeiros postos corresponden aos tan demandados e
necesarios dominios de primeiro nivel con caracteres internacionalizados.
Aínda que a asignación de prioridades aínda é provisoria, avanzouse así un paso
máis cara á consecución dun dominio galego na Internet, que esperamos que nuns
meses sexa unha realidade.
