Publican os requisitos de Cyberpunk 2077 para Mac

mércores, 16 de xullo do 2025 Redacción

Cyberpunk 2077: Ultimate Edition chegará en breve a Mac cunha versión adaptada aos chips Apple Silicon, ofrecendo unha experiencia completa que inclúe o xogo base, todos os contidos adicionais e as voces en todos os idiomas, aínda que os seus requisitos técnicos poden espantar a moitos usuarios.
Esta versión require macOS 15.5 ou superior para funcionar, e o espazo de almacenamento necesario varía segundo a tenda desde a que se descargue: 92 GB se se obtén a través de GOG, Steam ou Epic Games Store, e 159 GB se a descarga se realiza desde a App Store. Cómpre ter en conta que durante o proceso de instalación é preciso dispoñer de algo máis de espazo libre, xa que se xeran ficheiros temporais adicionais.
O xogo utiliza unha configuración gráfica chamada For this Mac, deseñada para adaptar automaticamente os axustes visuais e a resolución ao hardware concreto de cada dispositivo. Esta opción busca ofrecer o equilibrio máis adecuado entre calidade de imaxe e fluidez, de maneira que os equipos máis potentes reciben axustes máis altos e resolucións maiores, mentres que os dispositivos máis básicos optan por configuracións máis modestas para garantir unha experiencia xogada aceptable. Por exemplo, un Mac con chip M1 e 16 GB de memoria RAM poderá executar o xogo a unha resolución de 1440x900 ou 1600x900 con 30 fotogramas por segundo. No outro extremo, un equipo con chip M3 Ultra ou M4 Max e 36 GB de RAM poderá chegar a unha resolución de 2560x1440 mantendo os 60 FPS.
Se ben o preset For this Mac está pensado para optimizar o rendemento, non activa de xeito predeterminado as opcións de Ray Tracing, mesmo nos dispositivos compatibles. Esta decisión responde ao feito de que, malia que certos modelos permiten tecnicamente empregar Ray Tracing, a súa activación pode afectar negativamente á estabilidade ou ao rendemento do xogo. Aquelas persoas que queiran activalo poden facelo manualmente dende o apartado de axustes gráficos, seleccionando un dos perfís con Ray Tracing ou activando opcións concretas dentro da sección correspondente. Para quen queira utilizar Ray Tracing cun obxectivo de 30 FPS, recoméndase un chip M3 Pro, 18 GB de RAM e unha resolución de 1920x1080 con MetalFX DRS activado. Para manter os 60 FPS con Ray Tracing, será necesario un equipo con chip M3 Max e 36 GB de RAM.
Cómpre lembrar que o preset For this Mac tamén ten en conta o uso de pantallas externas, polo que se recomenda non modificar a resolución asignada para evitar caídas de rendemento. Esta configuración, que non é idéntica en todos os dispositivos, axústase dinamicamente para garantir a mellor experiencia posible segundo a capacidade do equipo.
Cyberpunk 2077 chega así a Mac cunha versión adaptada ao ecosistema de Apple, pero cunhas esixencias técnicas bastante elevadas e amosadas dun xeito que podemos considerar trampón, xa que as esixencias de memoria RAM non se corresponden coas configuracións de equipos de Apple, pois a configuración de 18 GB de memoria unificada non existe, de xeito que a configuración recomendada do xogo precisaría de 24 GB de memoria e un procesador Pro, polo que o equipo actual máis económico capaz de conseguir un desempeño medio do xogo sería un Mac mini con M4 Pro de 1.594 euros ou un MacBook Pro con M4 Pro de 2.279 euros, mentres que a versión de PC é capaz de correr con ese nivel de detalle nun ordenador portátil gaming de 600-800 euros, o que dá a entender que os equipos de Apple seguen a ser pouco recomendables para xogar.

Táboa dos requisitos técnicos do xogo de CD Projekt RED para Mac