Qualcomm presenta a solución para integrar a vindeira xeración de Wi-Fi en dispositivos móbiles e portátiles

mércores, 21 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A vindeira xeración de redes Wi-Fi está preto de facerse unha realidade, e Qualcomm anunciou hoxe o que sería a primeira solución integrada preparada para o estándar 2x2 802.11ax para smartphones, tabletas e ordenadores portátiles, adiantándose á súa estandarización e certificación. Esta solución coñecida como WCN3998 supón unha grande mellora na seguridade ao soportar o protocolo WPA3, sendo Qualcomm a primeira compañía en integrar tal nivel de seguridade nunha solución 11ax. O uso deste novo protocolo de comunicacións sen fíos tamén reduciría o consumo até un 67% fronte a solucións 802.11ac.
O estándar 802.11ax busca mellorar a experiencia do usuario aproveitando mellor o espazo radioeléctrico dispoñible (cada vez máis conxestionado) e optimizando o consumo (para mellorar a autonomía de dispositivos móbiles). Pero aínda tardaremos en poder gozar desta tecnoloxía, pois os puntos de acceso que soportan tal tecnoloxía non verán a luz até finais do presente ano ou primeiros do que vén, de xeito que o que estamos a ver agora é simplemente a preparación dos fabricantes a unha vindeira xeración de redes Wi-Fi máis seguras e fiables.

PUBLICIDADE