Quorum Spain presenta os seus relevantes fitos na International Quantum Business Conference (Santiago)

xoves, 18 de decembro do 2025 S. P.

Quorum Spain, alianza pioneira para impulsar as tecnoloxías cuánticas en Europa, reuniuse este mércores 17 de decembro no espazo Quorum Side Event, enmarcado na International Quantum Business Conference (IQBC), un dos principais puntos de encontro do ecosistema europeo de tecnoloxías cuánticas.
Organizado por Fsas Technologies (Fujitsu), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Xunta, o IQBC reúne estes días (17 e 18 de decembro) en Santiago de Compostela, a máis de 300 profesionais: centros tecnolóxicos, empresas, universidades, investigadores e administracións públicas.
Foi inaugurado por Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen asegurou que este evento “consolida a Galicia como un nodo fundamental para a axenda cuántica europea”.
Durante o Quorum Side Event, Luis Pérez Freire, director xeneral do centro tecnolóxico galego Gradiant, entidade coordinadora desta iniciativa, presentou algúns dos fitos alcanzados pola alianza ao longo do último ano, acompañado por representantes do resto de entidades membro como CESGA, Xunta de Galicia, QCentroid, ITECAM, FIDESOL e Fsas Technologies. O evento serviu para poñer en valor, como sinalou Luis Pérez, “a capacidade da alianza de transformar as tecnoloxías cuánticas en ferramentas con aplicacións reais e transferibles ao tecido empresarial. Xa non é só unha promesa a longo prazo”. Así mesmo, destacou a importancia da celebración de espazos como o Quorum Side Event “para conectar coñecemento, talento, empresa e administración ao redor de casos de uso concretos e descubrir xuntos onde están as oportunidades do mañá. Queremos que Quorum sexa a primeira pedra do ecosistema nacional de cuántica”.
Logros destacados
Ao longo do último ano, Quorum Spain desenvolveu unha intensa actividade centrada na formación, a divulgación e a conexión do ecosistema cuántico en España. Neste período, a iniciativa impulsou máis dunha vintena de eventos formativos, entre os que destacan o Workshop Quantum Technologies, organizado por Gradiant, e diversas accións orientadas ao desenvolvemento de talento cuántico, como o Hackathon Quantum Internet Alliance, promovido polo CESGA, ou o Hackathon Qiskit Fall Fest Madrid 2025, impulsado por Fsas Technologies.
De forma complementaria, promoveu a organización de máis dunha decena de grandes eventos de divulgación e networking empresarial en todo o territorio nacional. Ademais, levou a cabo outras actuacións clave, como a análise da demanda de servizos cuánticos, o estudo de casos de uso empresariais, a avaliación do impacto das tecnoloxías cuánticas a medio prazo, así como labores de asesoramento estratéxico a empresas e desenvolvemento de probas de concepto, contribuíndo así a achegar estas tecnoloxías ao tecido produtivo.
Quorum Spain é unha alianza pioneira apoiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), no marco dos convocatoria Ecosistemas de Innovación. O proxecto está formado por sete entidades que representan o conxunto do ecosistema de innovación en computación cuántica: Gradiant, Xunta de Galicia, Fsas Technologies (Fujitsu), CESGA, FIDESOL, ITECAM e QCentroid; integrando centros tecnolóxicos, administración pública, gran empresa, pemes tecnolóxicas e supercomputación.
O obxectivo é impulsar e consolidar un ecosistema nacional de innovación en computación cuántica, orientado á xeración de coñecemento científico-tecnolóxico, a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial, o desenvolvemento de talento especializado, a identificación de casos de uso reais e oportunidades de negocio e a creación e fortalecemento de empresas innovadoras.
O proxecto conta coa participación de 45 profesionais, dos cales 30 son perfís técnicos altamente cualificados, e dispón dun orzamento total de 1,31 millóns de euros para fitos de divulgación en 3 grandes liñas de actividade: análise e xeración de capacidades; comunicación, visibilidade e internacionalización; e impacto, sustentabilidade e continuidade.
Quorum é un proxecto subvencionado polo CDTI e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Os membros son: Gradiant, Cesga, Fidesol, Fujitsu, GAIN, Itecam e QCentroid.