R dará servizo en Melide a partir do vindeiro verán

venres, 18 de abril do 2008 Marcus Fernández

A alcaldesa de Melide, María Socorro Cea, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, explicaron esta mañá os detalles do acordo polo que se está a estender a nova infraestrutura de fibra óptica no concello e que permitirá aos habitantes da vila recibir os servizos do operador galego de cable este verán.
Melide contaría así con servizos integrados de teléfono, Internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil da operadora galega, para o que se está a realizar un investimento de 2,61 millóns de euros.
Cea manifestou en rolda de prensa que «é unha satisfacción que os veciños e as empresas de Melide poidan gozar dun servizo de telecomunicacións de última xeración e que sexa unha empresa galega e comprometida co país como R a que o leve adiante».
A conexión do Concello de Melide á rede troncal de fibra óptica de R enmárcase dentro do acordo firmado entre R e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia para que a banda ancha chegue a toda a xeografía galega. Desta maneira, a Consellería, dirixida por Fernando Blanco, está a lograr que se implanten novas e capaces redes de telecomunicacións nos núcleos rurais e comarcais da nosa comunidade e que se fomente o uso das Tecnoloxías da Información.