R desprega en Arzúa e Melide as súas redes de nova xeración
martes, 17 de xullo do 2012

- Melide conta cun establecemento de Hardgalicia, distribuidor autorizado de R
Os queixos de Arzúa e os melindres de Melide teñen dende esta
semana redes de última xeración á súa total disposición para darse a coñecer en
todo o mundo, grazas ás infraestruturas de telecomunicacións que lle acaba de instalar
R en algúns dos seus núcleos poboacionais.
Trátase da rede de telecomunicación de última xeración
(NGA) que a galega R despregou na zona, e que permite que estes municipios se
unan á listaxe dos concellos galegos conectados á devandita rede de alta
capacidade.
A acción enmárcase no Plan de Banda Larga da AMTEGA e
favoreceu xa a 6.300 veciños e veciñas duns 4.400 fogares e empresas destas
vilas coruñesas, porén está previsto que chegue a máis de 7.300 persoas, que pronto
poderán acceder a estas redes de nova xeración de ata 100 Mbps.
Así, en Arzúa xa son 2.946 os
habitantes conectados ás mesmas, e 3.391 as persoas que poden facelo en Melide.
Nas tarefas de despregamento
de rede en Arzúa e Melide, o operador galego
investiu ata a data 4,76 millóns de euros que permitiron estender “uns 3,86 quilómetros de fibra óptica e preto
de 10,61 quilómetros de canalización ou obra civil”, aseguran.
Esta actuación do Plan de Banda
Larga da Xunta que está a desenvolver R “vai
por diante das súas previsións de cobertura grazas ao avance progresivo e satisfactorio
dos traballos de despregamento de rede”, aseguran; de feito, na actualidade
dispoñen de acceso a redes de nova xeración coa calidade da fibra óptica de R o
69,4% dos núcleos programados, un total de 134 dos 193 previstos na parte do Plan
de Banda Larga que lle atinxe ao operador galego de comunicacións por fibra óptica.
