R fai probas de conexión a 100 Mbps

venres, 18 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Dende o blog Que che parece? publican que dende R xa están a facer probas de conexións de 100 Mbps, polo que estas velocidades de conexión poderían estar máis preto do que se poida pensar. Defenden que a aposta pola creación dunha rede propia de fibra óptica en vez de alugar a rede de Telefónica abriu moitas posibilidade á operadora de cable galega, que actualmente ofrece unhas conexións de máis calidade que as de ADSL (facendo referencia a datos da CMT nos que se amosa que só o 60% dos usuarios de ADSL se conectan a velocidade de só 3 ou 4 Mbps nominais mentres que o 62% dos usuarios de R se conectan a unha velocidade garantida de entre 6 e 9 Mbps).
Para poder mellorar as velocidades das súas conexións R só tería que migrar o seu sistema actual baixo DOCSIS 2.0 ao seguinte nivel, DOCSIS 3.0, que cun cablemodem de 4 canles podería dar velocidades de ata 100 Mbps, o que se podería mellorar con cablemodems futuros (xa hai prototipos de 8 canles que funcionarían a 200 Mbps).
Aínda que os 100 Mbps de velocidade non sexa algo que imos ter de hoxe para mañá, dende o devandito blog aseguran que durante este ano R vai volver a aumentar as velocidades contratadas actualmente, aínda que os detalles os darán máis adiante.