R incorpora o Lumia 710 ao seu servizo de móbiles

xoves, 19 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Este martes o operador galego R anunciou unha nova fichaxe tecnolóxica no seu catálogo de trebellos, o Lumia 710, unha fichaxe da que falamos en detalle con motivo da súa presentación en Londres e que salienta por varios motivos fundamentais: en primeiro lugar porque veñen co sistema operativo de Microsoft (Windows Phone) e porque, de combinalo con SkyDrive, pode chegar a ofrecer ata 16 xigas de memoria. Tamén salienta pola dimensión da súa pantalla de 3,7 polgadas, táctil, e porque non precisa no seu seo o emprego de tarxetas de memoria. Segundo apunta R no seu blog, trátase dun trebello moi agardado e cuxa posta en catálogo responde ao gran interese amosado polos clientes de móbilR.
O aparello en cuestión, para quen queira saber máis del, ten un procesador a 1.4 GHz r é compatible cos estándares 802.11 b/g/n, “polo que vai funcionar dun xeito fluído e podédelo conectar perfectamente ao noso wifimedia”, sinálase. Asemade, acubilla aplicacións como Nokia Mapas e Nokia Drive, esta última pensada para condutores, especialmente, xa que achega servizos de localización de GPS e, ademais, é de balde. R, grazas ás ofertas de lanzamento de Nokia, achega este móbil, con tempo limitado, cun desconto de 40 euros.