R, o primeiro operador en ofrecer chamadas de balde a tódolos móbiles dende o fixo

mércores, 3 de decembro do 2008 Raquel Noya

O operador galego de comunicacións por fibra óptica, R, vén de anunciar o lanzamento dunha oferta “sen precedentes” no mundo das comunicacións fixas, na que tódalas chamadas a móbiles estarán incluídas sen custo adicional na cota mensual do servizo, sen establecemento de chamada e a cero céntimos o minuto.
Deste xeito, dende o vindeiro 20 de decembro, e coincidindo cunhas datas nas que os teléfonos botan fume por mor dos amigos e familiares que se acordan dun, os clientes particulares que teñan contratado o servizo de televisión dixital interactiva poderán realizar chamadas sen custo a calquera operador móbil de España, tódolos días e a calquera hora.
Asemade, tódolos clientes de R poderán chamar de balde dende o fixo a tódolos móbiles do operador galego “para toda a vida”, unha interesante oferta que agora no Nadal (a época máis consumista do ano) os seus usuarios van agradecer máis que nunca.
Segundo o informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) relativo ao segundo trimestre, as chamadas a móbiles, con só o 5% dos minutos, supoñen o 35% do gasto nas liñas fixas residenciais. O gasto medio por minuto das chamadas a móbiles é de 19,28 céntimos, fronte a os ou 2,08 céntimos das interprovinciais ou os 1,40 céntimos das metropolitanas.

Apagar o móbil na casa

O operador galego busca romper a tendencia de usar o fixo só para chamar a outros fixos, respondendo ás necesidades dos seus clientes, que realizan cada vez máis chamadas a móbiles. De feito, responsables da compañía aseguraron que “máis da metade das chamadas que os usuarios fan ou reciben co móbil as realizan dentro do seu domicilio”.
O uso do terminal fixo non só supón unha vantaxe fronte ao móbil en canto a custo, calidade da escoita, son e a non ter que estar pendente da batería, senón que agora tamén vai supoñer un aforro definitivo na factura para os clientes de R.

Pioneiros

R non só é o primeiro en ofrecerlles aos seus clientes chamadas a móbiles dentro da cota de abonamento de forma permanente, senón que xa en 2001 foi pioneiro en sacar ao mercado chamadas sen cargo adicional entre todos os seus clientes de fixo. Ademais, dende 2007, xa ofrece dentro da cota dos seus subscritores tarifa plana a todos os operadores fixos nacionais.

PUBLICIDADE