R preestrea na Coruña a serie española Nails
martes, 30 de setembro do 2025
A serie Nails, produción española orixinal de SkyShowtime, terá a súa preestrea nos Cantones Cines da Coruña o vindeiro xoves 2 de outubro ás 19.00 horas. O evento contará coa presenza da actriz Teresa Cuesta, quen interpreta a Vanessa, unha das protagonistas, e incluirá un coloquio conducido polo presentador galego Duarte Galbán. Ademais de proxectar os dous primeiros episodios, a sala de cine habilitará un recuncho para fotos e autógrafos e mesmo un espazo de manicura para ambientar a experiencia.
A iniciativa está organizada por R, que sorteou invitacións entre a súa clientela a través das redes sociais. A serie completa poderá verse en exclusiva na súa televisión dende o luns 6 de outubro, coincidindo coa estrea oficial en SkyShowtime.
Nails narra en clave de humor a vida de catro mulleres de diferentes ámbitos sociais que se coñecen nun salón de manicura. Ao longo de oito episodios de media hora, a súa amizade irá collendo forza ata convertelas en cómplices para tomar unha decisión que marcará un cambio profundo nas súas vidas.
A serie está protagonizada pola galega Cristina Castaño (Lume), Marimar Vega (Pacto de silencio), Gracia Olayo (La Mesías), Teresa Cuesta (Machos alfa), Fernando Tejero (La que se avecina), Javier Antón (Vaya semanita), Juanjo Cucalón (Amar es para siempre) e Raúl Mérida (Regreso a Las Sabinas).
Producida por Federation Spain en colaboración con SkyShowtime e Telemundo Studios, Nails está creada, escrita e dirixida por Araceli Álvarez de Sotomayor, que tamén exerce como produtora executiva creativa xunto a Mario Montero. Laura Oliva e Juan Solá completan o equipo de produción executiva.

- A serie presentouse en sociedade o pasado verán
