R presenta en A Coruña a súa proposta converxente fixo-móbil despreocupín

mércores, 6 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Tras a xuntanza na sede de R, visitouse a tenda da compañía en Dolce Vita Coruña para probar as posibilidades de despreocupín

Para dar a coñecer os seus servizos converxentes fixo-móbil entre os profesionais galegos o operador de telecomunicacións R organizou esta tarde na súa sede coruñesa unha demostración na que se profundou nas posibilidades dos servizos coñecidos baixo o nome comercial despreocupín, que resultan de especial interese para profesionais e empresas de pequeno e mediano tamaño que non precisen dun complexo sistema de centraliña telefónica, pero que queiran gozar de moitas das súas vantaxes.
R conta con multitude de paquetes combinados de despreocupín, que inclúe acceso á Internet e liñas telefónicas segundo as necesidades de cada empresa, destacando a súa flexibilidade e asegurando os responsables da compañía que están a adaptar estes servizos ás esixencias dos seus clientes, polo que están en constante evolución, o que é toda unha marca da casa que aposta pola atención ao cliente como chave para a súa fidelización.

Con desprocupín combínase o uso de teléfonos fixos IP, teléfonos móbiles e equipos informáticos, ampliando as posibilidades de comunicación no contorno profesional

A característica máis destacable dos servizos converxentes fixo-móbil de R sería o multiring, que permite asociar unha liña fixa a unha liña móbil, de xeito que vía web pode configurarse que ambos números soen simultaneamente cando se chama a un dos mesmos (aínda que existen outras configuracións do servizo, que pode personalizarse vía web) o que agradecerán especialmente os profesionais que, cando non estean na oficina, poderán recibir as chamadas no seu móbil, non perdendo así oportunidades de negocio (tamén sería posible empregar os terminais IP de R conectándoos a routers fóra da nosa oficina, facilitando levar as nosas comunicacións profesionais ao fogar ou de viaxe, de xeito transparente). Estas posibilidades aínda serían maiores no caso de contratar varias liñas IP adicionais (pois os terminais IP contarían con prestacións de centraliña).


Vídeo promocional do servizo multiring

Dende unha aplicación instalada nun PC podemos facer chamadas de voz dende a nosa liña IP fixa

Dun xeito semellante tamén teriamos a posibilidade de empregar o noso número de teléfono fixo dende un ordenador ou dende un teléfono móbil avanzado (especialmente se ten Wi-Fi) de xeito que cando esteamos de viaxe ou simplemente fóra da oficina, poderemos aproveitar un acceso á Internet para utilizar virtualmente o noso teléfono fixo para facer chamadas como se estivésemos no despacho (aplicándose as tarifas de voz que teñamos contratadas e amosándose o noso número fixo nestas chamadas de voz sobre IP). Para a realización de chamadas dende smartphones existen multitudes de aplicacións que facilitan o proceso, mentres que no ordenador é posible empregar unha aplicación cliente ou mesmo facelo vía web a través de telefonoweb.com.
Aínda que as anteriores posibilidades están baseadas en tecnoloxía de voz sobre IP, durante a presentación desta tarde insistiron que trátase dun servizo de calidade, xa que ao facerse as comunicacións dentro da rede de R, a compañía pode establecer parámetros de calidade de servizo, de xeito que o uso intensivo do acceso á Internet dende as súas conexións non prexudicaría ás comunicacións de voz (agás no caso de realizar as chamadas dende accesos á Rede distintos aos de R).
Dende R tamén pensaron na Internet móbil, e ante a acumulación de tarifas de datos que moitos usuarios teñen por querer acceder á Rede dende o móbil, o portátil e o tablet, agora é posible poder tarxetas multiSIM de datos (ata catro) de xeito que poderemos empregar a nosa tarifa de datos contratada no noso móbil R principal en varios trebellos, tendo que pagar só 2 euros + IVE por cada dispositivo adicional, o que supón un importante aforro fronte á contratación de varias conexións móbiles á Rede.

É posible facer chamadas dende unha liña IP de R directamente dende a web telefonoweb.com

PUBLICIDADE