R pretende estrearse coma Operador Móbil Virtual a finais de 2007

luns, 4 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O operador galego de comunicacións por fibra óptica, R, pechou un acordo con Ericsson para implantar o seu servizo de telefonía móbil co obxectivo de comezar a ofrecelo antes de rematar 2007.
R será así un dos novos OMV que se incorporan ó mercado destacando por basear o seu servizo en tecnoloxía Soft-Switch (conmutación IP) polo que continúa a apostar por unha rede totalmente integrada. Segundo Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, “esta decisión tecnolóxica (..) permítenos ir un paso máis aló á hora de deseñar novos servizos, sobre todo pola posibilidade de integrar con facilidade a mobilidade na nosa actual oferta de teléfono, internet e televisión por fibra óptica”.
A nova infraestrutura de rede é compatible cos estándares actuais de telefonía móbil, dende o GSM ata o HSDPA e mesmo estará preparada para a evolución cara a futuros estándares de telefonía móbil de cuarta xeración.
Os clientes actuais de R (máis de 205.000) serán obxectivo prioritario da compañía para os novos servizos de telefonía móbil, que se achegará a través da infraestrutura de Vodafone, polo que os usuarios da operadora terán conexión tanto en Galicia como fóra da comunidade (e mesmo de España).