R xa comercializa o seu servizo de telefonía móbil

mércores, 5 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Tarxeta SIM de R

Dende esta semana a operadora galega de telecomunicacións R xa ofrece ós seus clientes particulares o seu propio servizo de telefonía móbil, que supón un complemento decisivo para as súas solucións de teléfono, televisión e Internet.
R xa desenvolveu probas durante meses para garantir o bo funcionamento deste novo servizo, que conta cuns prezos en promoción (descargables en formato PDF) que resultarán atractivos para os actuais clientes da operadora pois, por exemplo, as chamadas entre números móbiles e fixos do mesmo contrato custarán 0 céntimos/minuto (3 céntimos/minuto se só son clientes de móbil) tendo que pagar 15 céntimos polo establecemento de chamada. Móbil R tamén conta con tarifas flexibles, de xeito que a maior volume de chamadas menor é o custo por minuto.
O servizo de telefonía da operadora galega tamén se completa cun amplo abano de terminais que se poden adquirir dende 0 euros, entre os que se atopan os máis coñecidos terminais de Nokia, aínda que tampouco faltan un modem USB para conectarse á Internet dende calquera lugar (utilizando conectividade 3G, para a que existen distintas tarifas) ou unha tarxeta SIM (para os clientes que xa conten cun terminal telefónico libre).
A solución móbil de R destaca por non limitarse a ser un Operadora Móbil Virtual revendendo servizo de terceiros, senón que saca proveito da súa rede propia mediante tecnoloxía Soft-Switch, que permite a prestación totalmente integrada de servizos de voz, datos e vídeo seguindo o estándar IMS.
Os usuarios do servizo Móbil R poderán facer uso de prestacións avanzadas que non se limitan ó envío de mensaxes, ó caixa de voz ou á navegación pola web, senón que tamén inclúe correo móbil, multiconferencia, videochamada e SIM de dobre número.