RTVE Play volve apostar polo formato de canle dixital pese a fracasos anteriores

venres, 20 de febreiro do 2026 Redacción

RTVE Play reforza a súa estratexia arredor dos contidos de entretemento en directo coa posta en marcha da nova canle dixital En Play, que comezará a emitir o vindeiro luns. A proposta ofrecerá máis de oito horas diarias de programación de luns a xoves, cunha grella baseada en formatos orixinais producidos con medios propios da corporación pública.
A iniciativa recolle a experiencia de Open Play, espazo que dificilmente podemos considerar un éxito se vemos como en YouTube os directos case nunca superaban a barreira das 2.500 reproducións pese á longa duración do espazo), e amplía esa liña con novos presentadores e programas exclusivos.
A oferta en directo constitúe o eixo central da nova canle. En colaboración coas produtoras Thinketers e Àtic, En Play artéllase arredor de dúas tiras diarias que se emitirán desde as 19:30 horas ata o comezo de La Revuelta.
A primeira será El recreo, conducido por Ángela Fernández e Mariang Maturana (coñecida como La quinqui), que explorará os contidos máis atrevidos e comentados da Internet, acompañadas por colaboradores como Marta Riesco, Valeria Ros, Germán González, Laura del Val ou Andrea Compton.
A continuación, a partir das 20:45 horas, Inés Hernand estrearase en solitario á fronte de La retaguardia, un formato centrado na actualidade diaria tratada en clave de humor. O programa contará cun amplo cadro de colaboradores, entre eles Al Pil Pil, Nerea Pérez de las Heras, Marina Lobo, Marina Rivers, Guillermo Alonso e Samantha Ballantines.
Tras a conexión con La Revuelta, En Play continuará apostando polo humor coa continuidade de espazos como Sale como sale e Un nuevo sendero, con Ignatius Farray, e incorporará novas voces como Dani Rovira e Arturo González Campos, que levarán ao canal o seu podcast Mi persona favorita en horario nocturno.
A transversalidade dos contidos de RTVE tamén terá presenza destacada na nova canle. Entre as 16:30 e as 19:30 horas emitirase unha franxa dedicada a producións en vídeo de RNE. O programa Mañana más, conducido por Ángel Carmona, contará cunha primeira ventá en formato audiovisual todas as tardes entre as 16:30 e as 18:30 horas. De maneira excepcional, no día da estrea o seu horario trasladarase ao late night cun especial emitido desde o Teatro del Barrio.
Entre as 18:30 e as 19:30 horas, En Play ofrecerá videopodcast procedentes da plataforma RNE Audio, incluíndo a estrea de novos espazos como ¡Menudo cuadro!, con Carlota Corredera, David Insua e David Andújar, así como unha nova tempada de Podcast el Podcast e Las del Cadillac. Tamén dará o salto ao formato vídeo o exitoso podcast Influrrealismo mágico, conducido por Lorena Macías.