Recollen sinaturas pedindo a rebaixa de prezo do ADSL rural

luns, 5 de maio do 2008 Marcus Fernández

Varios colectivos de internautas están a promover unha recollida de sinaturas a través da Rede para pedir a rebaixa no prezo do servizo de ADSL rural, pois consideran inxusto que moitos cidadáns teñan que pagar pola súa conexión máis que outros, e a unhas condicións moi inferiores.
Os promotores da campaña aseguran que a oferta actual de ADSL rural (que cobra 39 euros/mes e van ata os 150,57 euros/mes para unha conexión de ata 4 Mbps) non está xustificada porque o acondicionamento destas liñas correou a cargo de fondos FEDER.
Preténdese que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio tome medidas para que se rebaixen as tarifas do ADSL rural o antes posible, e non parece que a baixada do prezo maiorista deste tipo de conexións aprobado pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións, e que podería supor unha rebaixa de entre o 50 e o 86% dos prezos que outras operadoras pagan a Telefónica por ofrecer liñas de ADSL rural teña ningunha consecuencia práctica, pois ningún operador aplicou aínda tal medida.