Lugo avanza na implantación da banda larga
luns, 22 de novembro do 2010
O
operador público de telecomunicacións Retegal, no marco dunha das liñas estratéxicas
do Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta, vén de completar un importante plan
de reforzo das infraestruturas de telecomunicacións no sur da provincia de Lugo,
onde, nos últimos catro meses, construíu unhas 13 torres de comunicacións e
realizou actuacións en 17 centros por un importe de 950.000 euros, adiantando o
remate desta actuación en 15 días respecto ao prazo previsto.
Deste xeito, segundo informan dende o Executivo, “establécense as infraestruturas precisas
para prestar os servizos de banda larga en núcleos de 22 concellos do sur da
provincia de Lugo”.
Xa
que logo e baixo o previsto, o operador Iberbanda, comezará a comercializar
este servizo na zona a partir do próximo 29 de novembro.
O
Plan aprobado pola Xunta de Galicia contempla entre as súas accións
fundamentais a potenciación do operador público Retegal dotándoo de máis
medios, capacidades e converténdoo nunha ferramenta que permita optimizar e
acelerar a extensión da banda larga.
Esta
medida, segundo afirman, “permitirá o
aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e a redución dos custos
do despregamento da banda larga na Comunidade”.
200 novos quilómetros de fibra óptica
A principal
liña de investimento no reforzo das infraestruturas de Retegal é o tendido de máis de 200 novos quilómetros
de fibra óptica para unir diversos centros de telecomunicacións de operador
público distribuídos pola provincia de Lugo e que permitirá a conexión destes á
alta velocidade. Estes centros uniranse tamén co resto dos 400 centros e
microcentros de telecomunicacións de Retegal en toda Galicia mediante radioenlaces.
Outras
liñas de investimento que se están a realizar implican a execución de novos
centros de telecomunicacións ou o reforzamento dos existentes, construíndo
novas torres, dotándoos de sistemas de alimentación eléctrica ou acondicionando
as instalacións á fin de poder prestar servizos de telecomunicacións axeitados.
Nesta
liña, está previsto que ao remate deste ano se teñan construído 48 novas torres
de comunicacións e instalado 55 novos radioenlaces de rede, así como completada
unha moderna rede de telecomunicacións cunha tecnoloxía punteira.
Este
despregamento permitirá dispoñer da infraestrutura de telecomunicacións
necesaria para que os operadores privados de telecomunicacións poidan
proporcionar servizo de acceso a internet de banda larga aos cidadáns cuxa
residencia se sitúa en áreas nas que non existe infraestrutura de banda ancha
ou nas que non é probable que se desenvolva de inmediato.
