RetroCoruña volverá en xuño

luns, 6 de maio do 2019 Marcus Fernández

En decembro de 2014 celebrouse a 6ª edición de RetroCoruña, encontro de afeccionados á informática clásica e aos videoxogos retro que tras uns anos de ausencia volverá celebrase o vindeiro 8 de xuño, nunha «edición máis lixeira, exprés e enfocada á escena galega» que están a organizar a Asociación de Usuarios de Informática Clásica, RetroGalaicos e a Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada, sendo esta última a que prestará a súa sede ao encontro que para os non socios terá un prezo de 1 euro.
O encontro terá un espazo de exposición (dedicado ao xogo libre, amosar coleccións e divulgar proxectos), un espazo mixto (no que poderá mesturarse exposición e venda de material dedicado á actividade) e un espazo dedicado á venda (só para comerciais), sendo a participación nestes espazos de balde (tendo que cumprir unhas normas básicas), estando xa confirmada a participación de 9 expositores.
Nos vindeiros días a organización dará máis detalles sobre esta cita para os amantes do retro que moitos celebrarán aínda que esteamos ante unha edición menos ambiciosa que as anteriores pola súa formulación exprés.