Ricardo Cao, catedrático da UDC, Premio Nacional de Estatística 2023

luns, 30 de outubro do 2023 S. P.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de anunciar a concesión do Premio Nacional de Estatística 2023 ao catedrático da Universidade da Coruña e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC Ricardo Cao Abad. O Premio Nacional de Estatística está dotado con 30.000 euros. Ten como finalidade “recoñecer as contribucións e o labor científico no eido da estatística”, manifestada por medio da traxectoria profesional dos candidatos ou como recoñecemento a unha obra singular.
O xurado estivo presidido por Elena Manzanera Díaz, presidenta do INE, e integrado por Carlos Ballano Fernández, Alfredo Cristóbal Cristóbal, Antonio Argüeso Jiménez, María Durbán Reguera, María Ángeles Gil Álvarez, Dolores Ugarte Martínez, Alicia Nieto Ramos, José María Sarabia Alegría e Enrique Castillo Ron. En calidade de secretario actuou Miguel Ángel de Castro Puente.
Ricardo Cao
Ricardo Cao é catedrático de Universidade do departamento de Matemáticas, da área de Estatística e investigación operativa. Coordina o Grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística. É profesor de Estatística e Investigación de Operacións da Universidade da Coruña desde 1991. As súas liñas de investigación abranguen a estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (Big Data), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e o modelado estatístico en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica, e neurociencia e en malherboloxía.
Na actualidade é editor asociado das revistas TEST e Computational Statistics. Anteriormente foi editor xefe das revistas TEST, Computational Statistics e Journal of Nonparametric Statistics. A súa docencia céntrase no Máster Interuniversitario de Técnicas Estatísticas, co-organizado polas tres universidades galegas, así como no Máster Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña. Desde marzo de 2020 é o presidente do Comité de Expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat).

PUBLICIDADE