Ryanair lanza o primeiro servizo de telefonía a bordo de Europa

venres, 20 de febreiro do 2009 Raquel Noya

En contra de tódalas normas de aviación que prohiben o uso de teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos durante os vóos, a compañía de baixo custe, Ryanair, vén de lanzar o seu propio servizo de telefonía móbil a bordo en 20 dos avións que operan na súa base de Dublín.
Este é, segundo anunciaron, “o primeiro paso” para equipar con este sistema a toda a flota da aeroliña (composta por uns 170 aparatos), o que lle vai permitir aos seus clientes realizar e recibir chamadas e mensaxes no seu móbil en tódolos vóos de Ryanair.
Polo de agora, os pasaxeiros que viaxen nalgún dos 20 avións que Ryanair equipou con OnAir, a aplicación que permite ofrecer o servizo, xa poden realizar e recibir chamadas co mesmo custe dun servizo de roaming Internacional (non UE): entre 1,5 e 3 euros por minuto.
O envío de SMS custará en torno a uns 40 céntimos de euro e os correos electrónicos que se manden empregando este servizo a través de móbiles, blackberrys ou calquera outro teléfono de última xeración, costarán aproximadamente entre 1 e 2 euros.
O custe do servizo, nembargantes, fixarao cada provedor de telefonía móbil e variará en función do plan de tarifas fixado entre o usuario e a súa compañía.
Os usuarios de Vodafone son os únicos “privilexiados” que polo de agora poden facer uso deste servizo en España, máis Ryanair anunciou que se atopa negociando con outros operadores como Movistar e Orange para, nun futuro próximo, poder extender o servizo ao resto de usuarios que desexan manter contacto coa oficina, familia e amigos mentres se atopan de viaxe.

Funcionamento
Para acceder a OnAir móbil, o usuario tan só deberá acender o seu teléfono provisto de tecnoloxía GSM cando o sinal da cabina llo permita. Se o provedor de telefonía do viaxante ten un acordo de roaming con OnAir (polo de agora só Vodafone dispón do mesmo), o cliente poderá usar os servizos GSM e GPRS do seu teléfono do mesmo xeito que se estivese en terra.
Os teléfonos ou dispositivos tipo blackberry deberán conectarse a unha antena a bordo do avión e a unha pequena rede GSM que transmite o sinal e os datos por medio do satélite Inmarsat.
Unha vez conectado, este satélite permite navegación de alta velocidade e banda larga polo que as chamadas e paquetes de datos serán remitidas ás redes públicas (móbiles e fixas de operadores terrestres) de xeito instantáneo.