Sae á venda Street Fighter V: Arcade Edition para PS4 e PC

venres, 19 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O xogo de loita Street Fighter V: Arcade Edition, anticipado o pasado mes de outubro, chega hoxe ás tendas, de xeito que xa podemos mercalo en para PlayStation 4 e para PC (Steam) a un prezo de 39,99 euros, de xeito que estariamos ante a primeira nova edición de Street Fighter V que, en contra do que aconteceu na anterior xeración da saga, é de balde para quen mercase o xogo orixinal, ou sexa, que os contidos da Arcade Edition chegan hoxe de balde aos que posúan a edición ordinaria.
A adquisición de Street Fighter V: Arcade Edition é unha boa oportunidade para novos xogadores, xa que reciben de vez unha chea de contidos que non terán que desbloquear lentamente avanzando no xogo (ou pagando con cartos reais polos avances), pois esta nova entrega inclúe todo o contido das tempadas 1 e 2 de Street Fighter V, ou sexa, 12 personaxes xogables e 12 aparencias Premium.
Esta edición do título de loita que busca converterse en referencia do seu xénero conta tamén con novos modos de xogo, como un Modo Arcade (no que poder elixir entre 6 camiños que homenaxean ás anteriores entregas da serie), un Modo Batalla en Equipo (que permite equipos locais de até 5 personaxes) e un Modo Batalla Extra (con retos de tempo limitado para conseguir diversas recompensas).
Ao longo do ano tamén iranse celebrando Desafíos Especiais que permitirán facerse con títulos únicos tras superalos.

A nova edición do xogo inclúe a todos os loitadores que foron incorporándose á edición orixinal dende o seu lanzamento.

Tráiler de lanzamento de Street Fighter V: Arcade Edition

PUBLICIDADE