Sae a versión definitiva do Opera Mini 4

xoves, 8 de novembro do 2007 Marcus Fernández

O navegador para móbiles con soporte de Java de Opera sae da súa fase de probas, e finalmente o Opera Mini 4.0 é unha realidade, o que supón toda unha vantaxe para os usuarios de móbiles pouco avanzados que queiran acceder á web dende os mesmos.
A instalación desta aplicación é moi doada, podendo completarse con só visitar a web de Opera Mini dende o navegador por defecto incluído no móbil. O navegador é de balde e permite sincronizar a relación de favoritos entre o PC e o móbil (a través do servizo Opera Link)

Opera Link permite sincronizar os favoritos do PC co móbil

e ver webs en formato panorámico, está optimizado para terminais Blackberry, conta cun rato virtual e ten un motor de renderizado que adapta as webs para as pequenas pantallas dos móbiles.
Trátase así dunha solución moi atractiva para poder acceder á web dende o móbil cando non se conte cun smartphone.