Samsung anuncia novas tarxetas de memoria de alta velocidade e resistencia

luns, 20 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

En móbiles e cámaras agochamos no seu interior tarxetas de memoria nas que almacenamos os nosos datos, e das que tendemos a obviar as súas prestacións, pese a que detalles como a súa velocidade poidan ser cruciais para accións como a gravación de vídeo en alta definición ou sexan un dos factores que poden facer que o noso smartphone funcione cun rendemento reducido. Pero hai outros factores importantes, e dende Samsung parecen saber telos en conta, de aí que anuncien unha nova serie de tarxetas SDHC e microSDHC que prometen boas prestacións combinadas cunha resistencia considerable.
As novas tarxetas de memoria presentadas por Samsung poden lerse a 24 Mbytes/seg. e, no caso da serie Plus Extreme Speed incluso gravan a 21 Mbytes/seg., polo que satisfarían aos usuarios máis esixentes, ao que habería que endgadir o feito de que sexa resistentes á auga, a choques e ao magnetismo, de xeito que sobrevivirían a duras condicións. Para ilustrar esta resistencia comentan que as novas tarxetas de Samsung poderían aguantar 24 horas baixo a auga, soportar que lles pase por enriba un vehículo de 1,6 toneladas e resistir ata 10.000 gauss (comparables a unha resonancia magnética).

PUBLICIDADE