Seleccionados os proxectos de contidos en redes, literarios e musicais das Residencias Mariñán
xoves, 26 de marzo do 2026

- Participantes nas residencias no Pazo de Mariñán
- Imaxe de Cris Andina
A Deputación da Coruña compartiu os proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2026, convocadas pola área de Cultura. As residencias teñen como obxectivo ofrecer a artistas e creadores de contidos en liña o espazo, o tempo e os recursos necesarios para desenvolver os seus proxectos de investigación e creación nun contorno inspirador: o Pazo de Mariñán en Bergondo.
Nna área de creación de contidos socioculturais en redes sociais desenvolveranse os proxectos CienciA: catro pioneiras galegas, de Yeray Folgar Cameán; Cultura ao descuberto, de Candela Lola Battiato Miñones; Tradi 2.6, de Miguel Barbazán Lesta; Reportando na Zona, de Irene Rouco Táboas; carlotaghatos, de Carlota Casal Ramos; Séculos Escuros, de Laura Villar Loureiro; e Adochinto, de Leticia Mayán Rodríguez.
Pola súa banda, na modalidade de literatura participarán Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto Nunca morreramos tan xuntos, e Petra Iglesias Gallego, con Disforia: unha mancha de pel allea; mentres que na de pensamento estarán Cristina Rodríguez Barrado, con PIM PAM PUM: un entroido!, e Carlos Fernández López, con Curvas e pregos. Escuma ou Crinas.
As residencias de música corresponderanlle O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).
As residencias desenvolveranse entre o 13 e o 24 de abril. No caso da música e da creación de contidos socioculturais en redes sociais, terán unha duración de seis días e organizaranse en dúas quendas: do 13 ao 18 e do 19 ao 24 de abril.
Pola súa banda, as residencias de literatura e pensamento estenderanse durante doce días, ao longo de todo o período.
As quendas concretas serán asignadas polas persoas comisarias das distintas áreas, en coordinación coas persoas responsables dos proxectos seleccionados, o Pazo de Mariñán e o Servizo de Cultura da Deputación da Coruña.
A deputada de Cultura, Natividade González, destaco “a calidade das propostas seleccionadas e a diversidade de formatos e disciplinas que conflúen nesta nova edición das residencias”, que practicamente duplica o número de proxectos participantes, pasando dos oito en 2025 aos quince deste ano.
“Para nós, como administración, é fundamental apoiar procesos de creación que precisan tempo, espazo e acompañamento, ofrecendo ás creadoras e creadores as condicións axeitadas para desenvolver os seus proxectos con garantías”, sinalou.
