Setembro será o mes de lanzamento do xogo de Lobezno

martes, 24 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Ata o momento era pouca a información que tiñamos dun dos xogos máis agardados para o presente ano, Marvel’s Wolverine, que estaba previsto que chegase a PlayStation 5 no outono baixo o título de Marvel: Lobezno (en España), e aínda que continúa a quedar moito por amosar deste traballo de Insomniac Games, dende Marvel desvelaron por fin cal será a súa data de lanzamento: o 15 de setembro.
Insomniac Games é o estudio que creou os videoxogos de Marvel’s Spider-Man, polo que ten bastante experiencia levando a consolas aventuras baseadas en personaxes de cómic, aínda que desta volta a violencia dos combates será moito máis crúa, dada a natureza do protagonista.
Marvel: Lobezno estreara un violento tráiler o pasado mes de setembro, e agora simplemente se limitan a dar conta da data de lanzamento, no que parece o preludio dun anuncio máis grande no que afondarán no que vai ofrecer este título que, se atendemos ás filtracións, contará con moitas sorpresas para os seareiros do universo mutante de Marvel.

Vídeo no que desvelan a data de lanzamento de Marvel: Lobezno