Simyo mellora as súas tarifas

xoves, 28 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Aínda que está a converterse nunha práctica habitual que os operadores de telecomunicacións suban prezos incrementando o volume de datos no móbil, a chegada dalgúns novos competidores propician que compañías veteranas opten por unha oferta agresiva, buscando así non perder clientes e incluso captar novos, como está a facer Simyo, que anuncia que non só incrementa os datos no móbil, senón que fai tal sen subir os prezos.
As tarifas de Simyo que comezan a aplicarse hoxe comezan estreando 2 novas tarifas ilimitadas con 1,5 e 2,5 GB de datos a 13 e 14 euros respectivamente, mentres que as súas tarifas ilimitadas de 1,7, 4, 10, 20 e 25 GB pasan a ofrecer 4, 10, 20, 25 e 30 GB sen incrementar o prezo, converténdose nunha das ofertas máis competitivas do mercado.
O operador tamén estrea novos bonos de datos (como o de 500 MB por 2,5 euros, o de 1,5 GB por 5 euros ou o de 2,5 GB por 7 euros) e mellora os seus bonos máis elevados (os de 20 e 25 GB pasan a ter 25 e 30 GB).
Os novos prezos están vixentes tanto para clientes novos como para os actuais, de contrato e de prepagamento, sendo posible mudar de tarifa directamente dende a páxina web da compañía ou a través da súa aplicación móbil.

PUBLICIDADE