Softwhisper convoca a desenvolvedores a debater sobre principios SOLID de Orientación a Obxectos

martes, 17 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Tras iniciar un debate interno na empresa Softwhisper Mobile Development, o seu director técnico, Pablo Formoso, tivo a ben abrir o tema a un público máis amplo, polo que organizou un encontro enmarcado no Coruña Web & Mobile Devs Meetup sobre Principios SOLID de Orientación a Obxectos en diferentes plataformas, que desenvolverase na sede da compañía na Avda. Rosalía de Castro de Perillo (Oleiros).
Este encontro partirá dunha presentación de Alberto Penas, á que seguirá un debate moderado por Pablo Formoso, que exporá diferentes principios SOLID baseados en lecturas de textos de Uncle Bob, Sandy Metz ou Mr. Fowler, abordando a diversidade de ecosistemas (Android, iOS e Rails) de xeito que este debate programado para as 16:00 horas do vindeiro xoves pode resultar de grande interese para desenvolvedores informáticos de distinto tipo (que tamén están convidados a contribuír ao produtivo debate con artigos que desexen comentar).