Sonic Rumble estrearase o 5 de novembro

xoves, 23 de outubro do 2025 Redacción

Buscando replicar a fórmula de éxito de Fall Guys, Sega anunciou Sonic Rumble, un xogo free-to-play para Android, iOS e PC, que permitirá xuntar ata 32 xogadores por partida en carreiras frenéticas en escenarios cambiantes, que tiña previsto ver a luz o pasado 8 de maio, tendo aberto o seu pre-rexistro de usuarios en iOS e Android, así como en Steam, pero foi acumulando adiamentos ata que por fin se fixou como data de lanzamento o vindeiro 5 de novembro, confiándose en que vaia ter bastante éxito inicial xa que superou os 1,4 millóns de usuarios pre-rexistrados.
O xogo ofrecerá unha ampla variedade de fases con distintos temas e xeitos de xogar, como pode ser un modo carreira (no que os xogadores compiten polo primeiro posto), modo supervivencia (no que deben evitar que os expulsen) ou batalla de aneis (no que o obxectivo é recoller o meirande número de aneis). En todos os casos tratarse de partidas rápidas, buscando así que calquera poida xogar cando teña algo de tempo libre.
O atractivo deste xogo é a presenza dos personaxes dos xogos de Sonic, que poderán personalizarse con distintos atavíos, e tamén se fará notar a ambientación musical, con temas que resultarán familiares para os seareiros do ourizo azul.

Tráiler de lanzamento do xogo